ÁREAS DE INTERVENCIÓN

O noso programa electoral aberto consta das seguintes ÁREAS DE INTERVENCIÓN:

A. PLANEAMENTO URBANÍSTICO

A01. RÍA DE FERROL 2030. Liderar a definición dunha estratexia urbana para os cinco municipios da Ría, co fin de candidatarse ao novo programa de desenvolvemento urbano sostible do período de financiamento FEDER 2021-2027.

A02. 14 PLANS ESTRATÉXICOS COMUNITARIOS. Un en cada barrio da cidade, produto dun proceso participativo no que a veciñanza decida sobre a reurbanización, a mobilidade, o destino do solo, etc, baixo criterios realistas, formados e informados.

A03. PXOM PARTICIPADO. Paralización do proceso de tramitación do PXOM para integrar a participación das forzas vivas da cidade na toma de decisións, co horizonte estratéxico dunha cidade para 45.000 habitantes no ano 2030.

A04. REHABILITACIÓN ENERXÉTICA. Promover, a través do acceso aos fondos IDAE-PAREER, INEGA, INTERREG… a intervención de mellora de eficiencia enerxética da edificación de vivendas de titularidade privada. Axilizar licencias deste tipo de obras.

A05. CUMPRIMENTO DO ACTUAL CONVENIO DE DEFENSA. Cumprir o asinado co Ministerio de Defensa para obter así o 70% do solo do Cuartel Sánchez Aguilera para espazos verdes, ampliación SGHN, estacionamento, conexión Catabois-Estacións e Residencia Universitaria.

A06. PLAN ESPECIAL CONVENIO DE DEFENSA. Redacción e aprobación dun plan especial que defina o destino urbanístico sustentable das propiedades de titularidade municipal incluídas no Convenio de Defensa vixente e pendentes de ordenar.

A07. NOVO CONVENIO DE DEFENSA. Negociar e aprobar co Ministerio de Defensa un novo Convenio de Defensa no que se inclúa o acceso ao Arsenal, a Residencia de Suboficiais, o acceso ás instalacións da Graña, o Cuartel de Dolores, a tapia…

A08. NOVOS PLANS ESPECIAIS. Redacción participada de Plans especiais de ordenación dos conxuntos históricos protexidos: A Graña-A Cabana, San Felipe, Recimil, Esteiro… e as ordenanzas 5 e 6 de Canido, co fin de axilizar a súa recuperación.

A.09. MODIFICACIÓN PUNTUAL PXOM. Na zona rural, para acadar a coherencia entre a protección ambiental e o planeamento, desactivando os intereses inmobiliarios periféricos, activando os valores naturais e produtivos dos solos rústicos.

A.10. PLAN ESPECIAL BORDE LITORAL. Entre A Graña e o Montón, priorizando a continuidade lonxitudinal (bici, peón e bus), a nivelación de tratamentos e a accesibilidade ao plano de auga, artellado a través dun concurso internacional de ideas.

A.11. MESA POLA CIDADE FUTURA. Creación dun foro permanente, na que estean representadas Defensa, a Autoridade Portuaria, a Universidade, o Concello, as asociacións profesionais, Navantia… para consensuar e impulsar unha nova estratexia de cidade.

B. DISCIPLINA URBANÍSTICA

 B.01. APLICACIÓN DA ORDENANZA DE SOLARES. Medidas tanto coactivas como non coactivas, orientadas a convenios de cesión en precario de solares para uso comunitario: canchas de deportes, patios de xogo, xardíns, hortas urbanas, etc…

B.02. UNIDADE DE DISCIPLINA. Creación dunha unidade de persoal municipal (con compoñentes técnicos, xurídicos, administrativos e policiais) especializada na esixencia do cumprimento do deber de mantemento e conservación da edificación.

C. VIVENDA

C.01. PLAN DE MANTEMENTO DE VIVENDAS. Subvencións a fondo perdido a comunidades de propietarios, entidades veciñais e cooperativas para obras lixeiras de conservación e mantemento, que eviten o deterioro e abandono dos barrios históricos.

C.02. ARIs BARRIOS S. XX. San Pablo, Casas de Bazán e Serantes, poñendo especial fincapé nas actuacións de rehabilitación enerxética e a mellora da accesibilidade.

C.03. ARI CANIDO. As torres das cooperativas (rehabilitación enerxética e accesibilidade). Os ranchitos e as rúas que baixan cara o barrio da Madalena (posta en valor do patrimonio construído).

C.04. PARQUE PÚBLICO DE VIVENDA. Conveniar co IGVS a creación dun ente xestor dun banco único de vivenda pública en alugueiro no municipio, incluíndo o barrio de Recimil, as vivendas públicas de Caranza, as de Ferrol Vello, as do REXURBE e San Pablo.

C.05. FORMACIÓN PROFESIONAL EN REHABILITACIÓN. Fomento da formación de profesionais na rehabilitación enerxética, estruturas e carpinterías de madeira, ecoconstrución, enerxía solar, fotovoltaica e biomasa… por medio de convenios cos centros de FP da bisbarra.

D. EQUIPAMENTOS

D.01. INFRAESTRUTURAS PARA A VIDA COTIÁ. Introducir na vixente normativa urbanística a previsión de espazos onde habilitar pequenas dotacións colectivas para a vida cotiá (cociñas e comedores, lavanderías locais para a infancia e a terceira idade).

D.02. PLAN DE MANTEMENTO. Dos centros socio-culturais, administrativos e deportivos locais, programando técnica e financeiramente as periódicas intervencións de mantemento necesarias nos edificios públicos de titularidade municipal.

E. CICLO DA AUGA

E.01. REUTILIZACIÓN DA AUGA DE CHOIVA. Para a rega, a limpeza das rúas… descargando así o sistema de saneamento, aforrando enerxía (bombeos e depuración) e auga, e diminuíndo a frecuencia de verquidos de augas residuais á ría.

E.02. EMAFESA TRANSPARENTE. Carta de servizos, transparencia nas contas, xustificación de prezos aos cidadáns, garantías, calidade do emprego, auditorías periódicas….Cobro por consumo real.

E.03. EMAFESA 100% PÚBLICA. Poñer en marcha o proceso de remunicipalización de Emafesa para que sexa, antes de 4 anos, 100% pública.

E.04. PLAN IMPLANTACIÓN SISTEMA SEPARATIVO. Progresivo, para en 2030 ter a totalidade da cidade cunha separación de augas residuais e pluviais, posibilitando progresivamente o seu tratamento diferenciado, reciclaxe de auga de choiva.

E.05. S.U.D.S. Permeabilización de espazos públicos, beirarrúas e zonas de aparcadoiro, diminuíndo así a contaminación da auga e as augas a tratar, ao tempo que se mellora a saúde do arboredo.

E.06. TRATAMENTO NATURAL DAS AUGAS RESIDUAIS NO RURAL. Construción de depuradoras naturais previstas por ACUAES na zona rural, rexenerando o medio, aumentando a biodiversidade e diminuíndo a contaminación do subsolo.

F. CICLO DA ENERXÍA

F.01. CO-XERACIÓN.Creación dunha planta de co-xeración de enerxía, en base á utilización dos residuos da poda e sega dos espazos públicos para a produción de enerxía para alimentar o sistema de iluminación pública.

F.02. AUDITORÍA E PLAN DE ACCIÓN ENERXÉTICA NOS EDIFICIOS PÚBLICOS MUNICIPAIS.Auditoría enerxética da totalidade das dotacións municipais e deseño de medidas para a redución de consumos enerxéticos e implementación de fontes de enerxía sustentables neste eido.

F.03. AUDITORÍA E PLAN DE ACCIÓN ENERXÉTICO NO SISTEMA DE ILUMINACIÓN PÚBLICO.Auditoría enerxética da totalidade do sistema de iluminación público e deseño de medidas para a redución de consumos enerxéticos neste eido.

F.04. MUNICIPALIZACIÓN DOS SERVIZOS DE MANTEMENTO DO SISTEMA DE ILUMINACIÓN PÚBLICA. Desempeño por un servizo público 100% do mantemento do sistema de iluminación pública, para lograr unha maior eficiencia, un menor custo e poder xerar máis emprego e de maior calidade.

G. CICLO DOS MATERIAIS

G.01. ALTERNATIVA A SOGAMA.Traballar coa área urbana da ría para crear nun sistema de tratamento de residuos sólidos urbanos alternativo a Sogama, que priorice a diminución e valorización dos residuos en orixe e a reciclaxe.

G.02. SISTEMA DE COMPOSTAXE URBANO E RURAL.Liderar a implementación deste servizo na área urbana da ría, incluíndo a formación do persoal (mestres composteiros), distribución de composteiras comunitarias e individuais, e xestión do uso do compost xerado.

G.03. FERROL LIBRE DE ASBESTOS. Desenvolver unha liña de apoio ás comunidades de propietarios para substituír aqueles elementos construtivos que conteñan asbestos (cubertas, canles e baixantes). Comezar polos edificios municipais.

H. ESPAZO PÚBLICO

H.01. SUBSTITUCIÓN DAS ESPECIES ALÓCTONAS.Dos espazos públicos da cidade, para substituílas por especies locais que funcionen como refuxio da avifauna, recurso didáctico, conector ecolóxico entre espazos rurais e urbanos…diminuíndo o seu mantemento.

H.02. ESPAZO PÚBLICO ACCESIBLE.Eliminación total de barreiras no espazo público por medio da implementación dun plan de accesibilidade aos equipamentos e espazos públicos que abranga a totalidade da cidade.

H.03. SERVIZO DE PARQUES E XARDÍNS.Rescatar o servizo de parques e xardíns para lograr unha maior eficiencia, un menor custo e poder xerar máis emprego e de maior calidade.

H.04. SERVIZO DE LIMPEZA DE VÍAS. Rescatar o servizo de limpeza de vías para lograr unha maior eficiencia, un menor custo e poder xerar máis emprego e de maior calidade.

I. MOBILIDADE

I.01. NOVAS CONCESIÓNS E LIÑAS DE AUTOBÚS DENTRO DO TERMO MUNICIPAL.Deseñadas de acordo ás demandas dun transporte público de calidade e asequible, que resolva as necesidades detectadas na conexión cos hospitais e grandes centros de traballo e teña en conta a nova estación.

I.02. RECUPERACIÓN PROGRESIVA DO TRANSPORTE MARÍTIMO NA RÍA.Liñas de Mugardos, Maniños, O Seixo, A Graña e San Felipe con Ferrol, todo o ano e que dea resposta ás demandas dos traballadores que agora utilizan o vehículo privado para realizar estes traxectos.

I.03. IMPLEMENTACIÓN DA INTERMODALIDADE COCHE-AUTOBÚS E BARCO-AUTOBÚS.Garantir a implementación dos estacionamentos disuasorios previstos no PSAD (A Malata, Curuxeiras… resoltos por medio da intermodalidade coche-autobús)

I.04. ORDENACIÓN DA CIRCULACIÓN, ESTACIONAMENTO E PEONALIZACIÓN NO CONXUNTO DA CIDADE.Sobre a estrutura de liñas de transporte público e nodos de intermodalidade definidos polas accións anteriores, ordenar os usos dos modos máis discretos (vehículos, bicis, peóns) do resto da cidade.

I.05. LÍMITE DE VELOCIDADE 30 KM/H.No conxunto do casco urbano, co fin de pacificar o tráfico rodado, e de facer máis doada a coexistencia de modos como a bici e o peón co automóbil, reducir a contaminación acústica…

I.06. POLICÍA DE TRÁFICO EFECTIVA. Priorizando a vixilancia das infraccións por estacionamento indebido e a persecución das infraccións por exceso de velocidade.

I.07. TRANSPORTE A DEMANDA NA ZONA RURAL.Implementación dun servizo de transporte a demanda na zona rural, que cubra os déficits de accesibilidade das parroquias afastadas das liñas regulares.

I.08. TRANSPORTE METROPOLITANO NA RÍA. A partir das liñas definidas anteriormente, impulsar a creación dunha entidade de transporte metropolitano que inclúa tren de cercanías (RENFE e FEVE), autobús, intermodalidade co automóbil, barco, bici e peóns.

K. MEDIO AMBIENTE

K.01. FERROL LIBRE DE EUCALIPTOS.Comezando polas parcelas de propiedade municipal, aplicando as distancias de seguridade ás vivendas e conveniando cos propietarios a substitución por outras especies autóctonas e produtivas.

K.02. DECLARACIÓN DE ESPAZOS NATURAIS DE INTERESE LOCAL.Entre eles Menáncaro, a Fraga da Pega e o Río da Sardiña, as zonas húmidas das parroquias rurais, así como os espazos de conexión entre o espazo natural da Costa Ártabra e estes.

K.03. POSTA EN VALOR DO VAL DE SERANTES, A CABANA, A GRAÑA.Como espazo rural de excelencia, promovendo a agricultura de primor, restaurando as infraestruturas da auga, recuperando os bosques autóctonos e os elementos territoriais (pontes e camiños) e cauces.

K.04. HORTOS URBANOS. Na ladeira de Canido, nos parques públicos infrautilizados (Caranza, Esteiro), nos solares aínda non edificados, como elemento de produción de alimentos, integración social e cultural.

L. FINANZAS

L.01. POLÍTICA FISCAL REDISTRIBUIDORA.Que perda o seu carácter recadatorio para converterse nun sistema de redistribución de renda, favorecendo ás persoas nunha situación máis precaria, segundo principios de equidade, progresividade e suficiencia.

L.02. APOIO FISCAL ÁS EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL.Máxima bonificación que permita a Lei para favorecer ás empresas de economía social ou aquelas empresas ou vivendas que utilicen enerxías renovables.

L.03. CONXELACIÓN DO IBI. Rebaixa do tipo impositivo na mesma medida en que se actualice o valor catastral anualmente de tal xeito que a cantidade a pagar por parte da veciñanza sexa practicamente a mesma todos os anos.

M. SERVIZOS PÚBLICOS

M.01. REMUNICIPALIZACIÓN.Que implicaría un abaratamento inmediato do prezo dos servizos por non repercutir o IVE sobre o prezo público do lixo, limpeza de vías, auga e saneamento…

M.02. ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS. En todos os barrios e parroquias do concello, comezando por propostas de investimento, con procesos regrados e unha dotación económica que se vaia incrementando a medida que vaia madurando.

N. BANCA

N.01. BANCA ÉTICA. Utilización da banca ética e das cooperativas de aforro, atendendo tamén á súa obra social.

N.02. BOICOT ENTIDADES. O concello de Ferrol non traballará con ningunha entidade financeira que teña executado desafiuzamentos a persoas en perigo de exclusión social.

Ñ. EMPREGO

Ñ.01. CONVENIOS LABORAIS.Garantir que se cumpran os convenios laborais en todas as empresas que traballen para o Concello de Ferrol.

Ñ.02. CLÁUSULAS SOCIAIS NA CONTRATACIÓN PÚBLICA.Con criterios éticos, medio ambientais e sociais. Non contratar xamáis empresas temporais e suspender relacións ou rescindir os contratos coas empresas que as contraten

Ñ.03. BOLSAS DE EMPREGO PÚBLICO.Para facer fronte ás necesidades públicas e sociais con total transparencia e actualizar continuamente a bolsa.

Ñ.04. PROMOVER SERVIZOS DE ATENCIÓN Á CONCILIACIÓN. Dependencia, escolas infantís, canguros,… para favorecer o acceso ao emprego e, ao tempo, crear emprego en este sector.

O. FORMACIÓN

O.01. FOMENTAR O COOPERATIVISMO. Ofrecer medios para a economía social e solidaria, así como para a formación en torno ao cooperativismo.

O.02. FORMACIÓN OCUPACIONAL.Posta en marcha de cursos de formación ocupacional, escolas-obradoiro, obradoiros de emprego… avaliando a súa eficacia, e pensados para os sectores e actividades estratéxicas da cidade.

O.03. FOMENTO DA CULTURA DA COOPERACIÓN. Poñendo en relación os centros de formación coa empresa, mesmo deseñando cursos ponte que permitan adaptar os coñecementos ás necesidades concretas do tecido empresarial.

P. COMERCIO

P.01. APOSTA POLO PRODUTO E O COMERCIO LOCAL. Campañas polo comercio local (máis ecolóxico, produción local, impulsa a vida nos barrios, xerando oportunidades de emprego), en contra de abrir novos centros comerciais de grande superficie.

P,02. OFERTA COMERCIAL DE CALIDADE, MODERNA, XUSTA E ECONÓMICA. Fomentando o asociacionismo no sector, o funcionamento da mesa polo comercio local.

P.03. ACTIVIDADES SOCIAIS E CULTURAIS. En colaboración co sector do comercio e a hostalería, de forma que conflúan coa oferta municipal

P.04. MOEDA LOCAL. En colaboración coas asociacións de comerciantes e hostaleiros, investigar a posibilidade de por en marcha unha moeda local no municipio ou en toda a comarca.

P.05. FEIRAS E EVENTOS. Recursos e infraestruturas necesarios para poñer en marcha feiras e outros eventos con carácter periódico.

P.06. PROMOVER ALIANZAS. Entre os produtores locais de alimentos e artesanía coa rede de pequeno comercio local para provocar sinerxias entre eles.

P.07. SISTEMAS LOCAIS DE ALIMENTACIÓN. Desenvolver plans integrais para construír sistemas locais de alimentación sustentables, xustos e sans, dende o inicio da produción ata o momento final de consumo, incluíndo o turismo ou a gastronomía.

P. 08. REMODELACIÓN DOS MERCADOS LOCAIS. Impulsando plans para garantir unha oferta permanente de produtos autóctonos. Da mesma forma, estudar a posibilidade de novos usos (culturais, sociais…) para os mercados locais.

Q. TURISMO

Q.01. OFERTA INTEGRAL BASEADA EN TRES EIXOS. Natureza, cultura-patrimonio e gastronomía: ecoturismo, turismo de aventura, turismo rural… fronte ao modelo de turismo de masas, eventos culturais, deportivos, relixiosos e espectáculos teatrais e musicais.

Q.02. PLAN INTEGRAL DE TURISMO SUSTENTABLE DE FERROLTERRA. Para orientar as actuacións cara a obxectivos de futuro consensuados cos diferentes axentes sociais implicados neste eido.

Q.03. APOIO AO EMPRENDEMENTO. Das persoas e aos proxectos de economía social no eido do turismo.

Q.04. FORMACIÓN TURÍSTICA DE CALIDADE. Específica e vinculada ao modelo de turismo sustentable e alternativo polo que apostamos. Esta formación específica estaría enfocada tanto á sensibilización da sociedade civil en xeral como á adquisición de coñecementos técnico-profesionais e competencias laborais do turismo.

Q.05. ALIANZAS ESTRATÉXICAS. Establecemento de alianzas estratéxicas con outros destinos que teñen plans integrais de turismo sostible, fomentando o intercambio de experiencias, ideas e formación con outros especialistas do sector.

Q.06. MARCA. Traballar a oferta de Natureza Ferrolterra na súa integridade, creando para ela unha marca distintiva.

Q.07. INFORMACIÓN E SENSIBILIZACIÓN CIDADÁ. Campañas de información e sensibilización cidadá sobre a importancia do turismo sustentable como factor económico clave para a conservación do patrimonio cultural e natural.

Q.08. PERCORRIDOS HISTÓRICOS. Impulsar percorridos históricos (Camiño de Santiago, Santo André de Teixido…).

R. INDUSTRIA

R.01. DEFENSA DO SECTOR NAVAL. Máis aló da necesaria diversificación e da busca de novas especializacións —como no sector eólico— a defensa do sector naval semella vital para a nosa economía local.

R.02. DIVERSIFICACIÓN INDUSTRIAL. Traballar na necesidade de afondar na diversificación industrial que non nos faga tan dependentes das decisión políticas que nos últimos anos veñen caracterizando o desenvolvemento deste sector estratéxico.

R.03. I+D+I. Aposta firme polo I+D+I (investigación, desenvolvemento e innovación) de cara a que as empresas impulsen a competitividade baseada no valor engadido, na innovación, en lugar de basearse nos custos do traballo.

S. I+D+i

S.01. DINAMIZACIÓN DE CONVENIOS UNIVERSIDADE-EMPRESAS-ADMINISTRACIÓNS. Contribuír a lograr que todo o proceso produtivo, é dicir, a investigación, o desenvolvemento do proxecto e a distribución, se fagan dende empresas instaladas na nosa cidade.

S.02. PREMIAR A APOSTA POLA I+D+I NA POLÍTICA FISCAL. Incentivar a I+D+I reducindo ao mínimo permitido pola lexislación vixente a carga fiscal ás empresas do sector.

S.03. UNIVERSIDADE COMO FACTOR DE FIXACIÓN DE POBOACIÓN. Ferrol como unha oportunidade para o estudantado onde desenvolver a súa aprendizaxe, como unha oportunidade de atopar emprego estable e un lugar onde fixar a súa residencia futura.

T. BENESTAR SOCIAL

T.01. SERVIZOS SOCIAIS DE PRIMEIRA ATENCIÓN. Centros de atención á cidadanía en cada barrio como primeira punto de acceso ó sistema galego de servizos sociais, ofrecendo información dos recursos e das ferramentas dispoñibles que dean resposta ás súas necesidades

T.02. RENDA MÍNIMA MUNICIPAL. Prestación do Concello destinada a paliar situacións de necesidade e garantir uns recursos mínimos de subsistencia ás veciñas e ós veciños do Concello

T.03 EQUIPOS MULTIDISCIPLINARES. Formados por educadoras sociais, terapeutas ocupacionais, psicólogas, persoal sanitario, traballadoras sociais responsables de levar a cabo a identificación dos problemas e a elaboración dos programas para solventalos.

T.04. CONSELLO DE SERVIZOS SOCIAIS. Foro participativo no que as distintas entidades sociais , e centros de ensino expoñen as necesidades que detectan nos seus ámbitos de traballo

T.05. SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS. Poñendo o foco especialmente nos maiores, a educación e formación das persoas no seu ámbito familiar, concienciación da cidadanía e creación da figura de educadora social.

T.06. SERVIZOS SOCIAIS MANCOMUNADOS. Nomeadamente os da Casa da Muller, Casa de Acollida e Centro de Información á Muller.

U. ENSINO

U.01. OPTIMIZACIÓN DO USO DOS RECURSOS DE CENTROS EDUCATIVOS. Aulas, pistas polideportivas, pavillóns, bibliotecas…, abríndoos a toda a cidadanía, para así poder solventar as carencias actuais de equipamentos deste tipo nalgúns barrios da cidade.

U.02. XESTIÓN PÚBLICA DAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES. O mesmo que apostamos pola xestión pública da formación regrada, entendemos que a formación non regrada debería ter a mesma atención e tratamento.

U.03. CAMIÑOS ESCOLARES SEGUROS. Promover roteiros escolares para facilitar o acceso peonil do alumnado, para que gañen autonomía ao tempo que se reduce o tránsito rodado en horas en entrada e recollida.

U.04. PROGRAMAS DE INNOVACIÓN EDUCATIVA. Unha maior implicación do concello nestes programas.

U.05. CAPACIDADES BÁSICAS. Oferta permanente de formación para obter as Capacidades Básicas

U.06. CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL. Convertelo nun órgano áxil, útil e con función de organización, xestión e execución.

U.07.PROGRAMACIÓN TRANSVERSAL. Activar unha programación entre centros educativos e a oferta de actividades transversais: dereitos humanos, educación afectivo-sexual, hábitos saudables.

U.08. CREACIÓN DA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA E TEATRO. A formación nas artes escénicas e musicais será un complemento excepcional no proceso educativo. Garantir a accesibilidade a esta formación debe ser un obxectivo de primeira orde nas políticas públicas municipais.

U.09. CREAR UNHA COCIÑA MUNICIPAL. Para todos os comedores xestionados polo concello, co fin de ofrecer recursos orientados á soberanía alimentaria, evitando que o sostén da vida estea en mans de empresas

U.10. BOLSAS DE COMEDOR. Só para alumnado de centros públicos, e cuns baremos que prioricen claramente aos sectores máis desfavorecidos.

U.11. PROTOCOLO DE COLABORACIÓN ENTRE CENTROS EDUCATIVOS E SERVIZOS SOCIAIS. Sumando información, coñecementos e experiencia desde o ámbito educativo e o dos servizos sociais, para prestar un servizo eficiente e ben orientado á poboación escolar e á súa contorna social.

U.12. CAMPIONATOS DEPORTIVOS INTERCENTROS. Instaurando no termo municipal competicións escolares de deportes menos practicados pola poboación mediante a colaboración entre centros escolares, asociacións deportivas, ANPAs e Federacións deportivas

U.13. ORGANIZACIÓN DE ACTIVIDADES PARA NENOS E NENAS DE 0 A 6 ANOS. Procurar unha socialización profesional desde idades temperás, na procura dun correcto desenvolvemento persoal dentro da sociedade.

U.14. RELACIÓN DEPORTE ESCOLAR-PERSPECTIVA DE XÉNERO. Relación do deporte escolar e os programas deportivos dirixidos á mocidade coa oferta para adolescentes e, en particular, coa oferta e a demanda das mozas adolescentes con inclusión da perspectiva de xénero.

V. DEPORTE

V.01. INVESTIMENTO NO DEPORTE. Ferrol contou nos últimos 10 anos con 0 euros en investimentos deportivos por parte da Xunta e outras administracións. Ciframos a débeda histórica co noso concello en máis de 10 millóns de euros. Promoveremos unha actuación decidida para reverter esta situación nos próximos catro anos.

V.02. CONSTRUCIÓN DUN PAVILLÓN DEPORTIVO. Para atender a unha necesidade moi demandado polo colectivo do deporte ferrolán, promoveremos a construción dun novo e moderno Pavillón deportivo con capacidade para 1.500 persoas.

V.03. PAVILLÓN DEPORTIVO DO CRUCEIRO DE CANIDO. Intervención no polideportivo do Cruceiro de Canido coa instalación de parquet, a construción de vestiarios e a instalación de marcadores , de xeito que se poida utilizar para competicións oficiais.

V. 04. PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DA MALATA. Mellora dos vestiarios e da iluminación, e cambio de parquet no Polideportivo da Malata. Unha instalación con máis de 30 anos que non tivo investimento algún desde a súa inauguración.

V.05. MANTEMENTO DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS. Plan de mantemento das instalacións deportivas municipais que se encontran nun estado considerable de abandono, como as da piscina de Caranza, o céspede dos campos de fútbol ou a renovación de equipamentos obsoletos no conxunto das instalacións. Especial mención aos pavillóns de Fimo nos que se actuará na construción de vestiarios, instalación de parquet e reparación dos teitos.

V.06. PADROADO MUNICIPAL DE DEPORTES. Para democratizar o deporte no Concello, fomentando a colaboración entre institucións para conseguir un acceso universal á actividade deportiva.

V.07. BONIFICACIÓN NAS TAXAS. Por utilización de instalacións tendo en conta as situacións económicas persoais.

V.08. XESTIÓN DIRECTA. Dotación de persoal na área de deporte, co obxecto de poder abordar unha xestión seria e profesional das instalacións deportivas do Concello.

V.09. REDE DE ESCOLAS DEPORTIVAS. Convenios cos clubs deportivos de Ferrol para crear unha rede de escolas deportivas na que as nenas e nenos se introduzan na práctica do deporte.

V.10. XORNADAS DE FORMACIÓN. Formación para a potenciación á cidadanía na adquisición de hábitos saudables e de prevención: Políticas de igualdade, non violencia, alimentación saudable,…

V.11. PLAN DE IGUALDADE NO DEPORTE. Posta en práctica do traballo conxunto para que cada federación deportiva teña un Plan de igualdade

V.12. DEPORTE NA RÚA. Promoción do deporte na rúa, atendendo á súa función saudable.

V.13. DEPORTE PARA AS PERSOAS MAIORES. Impulsaremos a práctica do deporte para maiores coa creación de programas específicos para este sector da poboación tan importante no noso concello.

V.14. ECONOMÍA NO DEPORTE. Impulso e desenvolvemento dun convenio laboral único coas mesmas condicións para todos os ámbitos dependentes da xestión deportiva (subrogación, xornada laboral completa, inclusión de cláusulas sociais…).

V.15. CONVENIOS CON ENTIDADES DEPORTIVAS. A cambio dos convenios e bolsas que reciben os clubs, deberán comprometerse a inscribir nas súas actividades a nenos e nenas con poucos recursos económicos remitidos polo concello.

V.16. COLABORACIÓN COAS ENTIDADES. Decidido apoio loxístico e económico do concello cos clubs e entidades deportivas nos eventos que se organicen.