CÓDIGO ÉTICO

CÓDIGO ÉTICO DE MAREA DE FERROL

Este Código Ético foi aprobado en Asemblea Xeral de Marea de Ferrol na data 25/1/2019

A REPRESENTACIÓN POLÍTICA

Democratización da representación política

As representantes, voceiras, cargos públicos e persoas designadas actuarán sempre no nome de Marea de Ferrol, e defenderán publicamente o proxecto político, desenvolvendo os seus principios básicos e programa.

Actuarán segundo os principios de igualdade, horizontalidade e transversalidade, practicando o traballo colaborativo, a escoita activa e o debate de ideas.

Rendición de contas

A nivel da organización, as representantes, voceiras, cargos públicos e persoas designadas renderán contas ante a Asemblea de Marea de Ferrol.

Desenvolveranse mecanismos de rendición de contas nos que as representantes políticas se someterán ao control directo da cidadanía, sen menoscabo das ferramentas que contemple a lexislación.

Cesamento e revogación

Habilitaranse mecanismos de cesamento e revogación dos cargos con responsabilidade institucional segundo a lexislación vixente.

Ademais, habilitaranse procedementos de cesamento e revogación dos cargos con responsabilidade orgánica dentro de Marea de Ferrol.

Estes procedementos serán aplicados no caso de non producirse a dimisión voluntaria do cargo, nos supostos de violación dos principios éticos e políticos de Marea de Ferrol.

Para garantir estes procesos constituirase un Comité de Ética e Garantías, que actuará a instancia de parte e exercerá o labor de control e transparencia dos procesos de revogación.

Transparencia

As persoas que ocupen cargos de responsabilidade comprométense a non favorecer, de xeito arbitrario ou interesado, ás empresas, sociedades ou sectores dos que proveñan, de ser o caso. A contratación con empresas e sociedades deberá rexerse, en todo caso, polos procedementos habituais de contratación e concurso público.

Publicarase a situación profesional das persoas con cargo público ou de designación política, nos tres anos posteriores ao abandono das súas responsabilidades. Ademais, farán públicas as súas declaracións de bens, renda e, no seu caso, de patrimonio, desde a toma de posesión e cunha periodicidade anual, estendéndose este compromiso durante tres anos despois da fin das súas responsabilidades.

Estarase ao disposto no marco da Lei de Transparencia e bo goberno e calquera outra lexislación vixente aplicable.

O Comité de Ética e Garantías establecerá os mecanismos precisos para velar polo cumprimento destes preceptos.

FINANCIAMENTO E XESTIÓN DOS GASTOS

Transparencia

Toda a cidadanía poderá coñecer periodicamente todos os ingresos e gastos da organización, así como a súa procedencia, a través da súa publicación na páxina web da organización.

Tamén se publicarán a través da páxina web os criterios de contratación de persoal eventual ou de confianza.

Publicaranse todas as contratacións públicas e os criterios de contratación.

Xestión financeira dentro da organización

Rexerase polos principios de eficiencia, transparencia e sustentabilidade acorde coa lexislación vixente, e redactarase unha Carta Financeira, que será aprobada pola Asemblea.

O financiamento farase a través de recursos privados, preferentemente a través das achegas das persoas inscritas en Marea de Ferrol e resto da cidadanía. Fomentarase o pequeno mecenado para accións e necesidades concretas.

No caso de precisar créditos bancarios, optarase pola banca ética e/ou cooperativa, ou cun alto grao de responsabilidade social.

No caso de obter representación política nas eleccións, utilizaranse os recursos públicos que fosen de aplicación pola lexislación vixente, para garantir a independencia política.

Xestión financeira na administración pública

Limitarase a externalización de servizos e optimizaranse os cargos de designación política e persoal de confianza, procurando aumentar a capacidade da administración pública e a democratización das institucións.

Velarase pola independencia e transparencia dos órganos públicos de fiscalización e control interno das contas públicas.

Xestión do gasto electoral

Rexerase polos principios de transparencia, eficiencia e sustentabilidade, de acordo cos límites e condicións que estableza a lexislación vixente en materia de financiamento electoral, procurando manter un nivel baixo dentro do teito legal establecido, facendo uso das redes sociais e medios telemáticos e coa procura de mecanismos participativos e creativos na publicidade do proxecto e da candidatura.

As aportacións á campaña non outorgarán dereitos políticos, e renunciarase a aquelas doazóns ou créditos que poidan coartar a independencia política de Marea de Ferrol, ou procedan de entidades que empreguen recursos de procedencia incerta ou cun funcionamento pouco transparente.

NON PROFESIONALIZACIÓN DA POLÍTICA E MEDIDAS CONTRA A CORRUPCIÓN E OS PRIVILEXIOS

Limítase a permanencia en cargos públicos a oito anos ou ao equivalente a dous mandatos completos, tanto alternos como consecutivos.

As representantes non poderán ocupar máis dun cargo político na Administración (“unha persoa, un cargo”).

No caso de postos remunerados cuxo salario non veña predeterminado legalmente, sexan ou  non de dedicación exclusiva, as retribucións fixaranse en función do nivel de competencia e dedicación, tomando como referencia a renda per cápita galega e cos límites establecidos na Carta Financeira de Marea de Ferrol, asegurando que a asignación económica lles permita cumprir de xeito eficaz e digno a súa función.

En todo caso renunciarase a privilexios, agasallos e tratos de favor.

Deben renunciar de forma inmediata a todos os cargos as persoas contra as que se dite auto de apertura de xuízo oral, no caso de feitos delituosos relacionados coa corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos.

Tamén renunciarán no caso de actos ou delitos contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.

COMPROMISO COA IGUALDADE

Marea de Ferrol e as súas representantes implícanse en promover a igualdade no exercicio das súas funcións, combatendo calquera forma de racismo, xenofobia ou discriminación por razón de xénero ou orientación sexual, así como en favorecer a participación política das mulleres e de calquera colectivo minorizado ou invisibilizado.

Consonte ao compromiso coa feminización da política, promoverase que nas candidaturas figuren máis mulleres que homes. Cando menos, garantiranse listas paritarias en cremalleira.

Fomentarase a aplicación de metodoloxías de participación e o emprego de recursos e ferramentas necesarias para garantir a intervención das mulleres no debate político e na toma de decisións.

COMPROMISO COA LINGUA GALEGA

As representantes políticas e orgánicas de Marea de Ferrol comprométense a empregar a lingua galega de maneira exclusiva, tanto oral como escrita, nas súas intervencións públicas, tanto sexa a nivel institucional como nos espazos orgánicos.

COMPROMISO COA NATUREZA

Os cargos electos, así como o persoal de confianza e os cargos orgánicos, comprométense a promover o uso sustentable dos recursos naturais e o aforro enerxético no exercicio das súas funcións.

Renunciarán a calquera cargo ou función de representación no caso de seren procesadas por delito ambiental ou contra os dereitos dos animais.

COMPROMISO CO COÑECEMENTO LIBRE

Marea de Ferrol comprométese co coñecemento libre, que abrangue a cultura, o software, a tecnoloxía e os estándares abertos, máis a liberación de datos públicos.

Ademais das medidas que se establezan no programa, os cargos electos e persoal de confianza comprométense ao fomento das ferramentas que garantan o coñecemento libre no exercicio das súas funcións.