CONTINUAMOS AS XUNTANZAS COA VECIÑANZA DO RURAL

Onte mércores 15 de maio, Marea de Ferrol continuou as súas xuntanzas con diversas asociacións de veciñanza da zona rural de Ferrol, concretamente a de San Salvador de Serantes, A Cabana e A Graña.

Ademáis de explicar en todos os casos as nosas propostas relacionadas co ámbito da zona rural e con aqueles servizos que o concello debe prestar ao conxunto do territorio, puidemos recoller as demandas e preocupacións máis latentes en cada parroquia.

Seguimos constatando que en todas as zonas do rural acúsase unha importante deixadez e abandono por parte do Concello.
Repítese a constante preocupación polo saneamento, malestar pola burocracia administrativa ou o recorte de subvencións. Coincidimos tamén co movemento asociativo do rural na imperiosa necesidade de establecer un plan de mantemento “do que hai”, centros socioculturais, instalacións deportivas, zonas verdes, estradas, etc. É preciso eliminar a precariedade na que se atopan as infraestruturas propias do Concello.

Así mesmo, síntese en todos os casos as dificultades de comunicación e de operatividade que implica a imposibilidade de canalizar unha participación axeitada na toma de decisións que teñen que ver cos diferentes ámbitos de acutación e territorios que conforman o Concello.