MANIFESTO

TEMOS/SOMOS UNHA ALTERNATIVA

Moitas persoas levamos tempo observando a regresión e o progresivo deterioro da situación social, cívica, económica, laboral e institucional de Ferrol.

Lonxe de patriotismos partidarios e de prexuízos políticos, decidimos sobrepoñernos e superar a precariedade e frustración presentes, así como as alarmantes perspectivas de futuro que podemos prever.

Temos obxectivos

Sabemos que desde intereses diversos podemos chegar a obxectivos comúns. Que somos quen de construír unha mínima unidade popular, de remunicipalizar, feminizar, rehabilitar, galeguizar, participar.

Entendemos Marea de Ferrol como un proxecto de participación política local, perdurable no tempo e con capacidade de influír social e institucionalmente. En definitiva, unha ferramenta política con carácter democrático para un proxecto municipalista.

Organizámonos

Marea de Ferrol é un lugar de encontro aberto ao conxunto da cidadanía, onde todo xira en torno á articulación de formas respectuosas de participación entre nós, e tamén na interacción e diálogo con todo tipo de organizacións e movementos sociais.

Unha proposta política con modelos de funcionamento horizontais, transversais e plurais. Procurando consensos desde a diversidade e a diferenza, como elementos que están na natureza mesma do proxecto.

Un espazo político para as persoas, onde recoñecérmonos mutuamente, sen mediacións, nin autoridades, nin poderes fácticos de ningunha caste.

Con estritas garantías democráticas, no que as persoas exercemos os nosos dereitos plenamente, en réxime de radical igualdade.

Actuamos desde o respecto e a honestidade

Un proxecto sen imposturas, que fai o que di que vai facer desde a máxima transparencia e radicalidade democrática. Desde a honestidade persoal como antesala da honestidade colectiva.

Un espazo soberano e autónomo, pero non excluínte. Aberto a fórmulas de cooperación con proxectos compatibles cos nosos obxectivos políticos.

Aspiramos a representar maiorías sociais, por iso non podemos eludir a relación existente entre un horizonte emancipatorio que promova o cambio social, co máis inmediato e pragmático horizonte electoral.

HAI ALTERNATIVA. HAI POSIBILIDADE.