MAREA DE FERROL, ACOMPAÑADA POR LUÍS VILLARES, MANTÉN UNHA XUNTANZA CO CENTRO COMERCIAL ABERTO

Onte sábado 18 de Maio, Marea de Ferrol contou coa visita de Luís Villares, voceiro de En Marea no Parlamento Galego.

Na súa compaña, visitamos o Mercado da Magdalena, para conversar cos vendedores e vendedoras e coa cidadanía. Alí o voceiro de En Marea destacou a “clara vocación industrial” dunha cidade que precisa de incentivos dende o ámbito municipal. “Por iso a Marea de Ferrol está comprometida coa creación dun viveiro de empresas que permita promover espazos de ámbito local capaces de seguir xerando oportunidades de emprego”, explica Villares. Que reivindica administracións locais activamente involucradas coas políticas laborais.

Pola súa banda, Bernardo Lorenzo Cuétara amosouse ilusionado coa posibilidade de acadar o goberno local despois do día 26. O candidato de Marea de Ferrol denunciou o estado de abandono dos tres mercados municipais e reivindicou a necesidade de actuacións que, dende o municipal, contribúan á mellora e posta en valor dos abastos locais e do comercio de proximidade. “Cremos que vai sendo hora de abrir unha interlocución clara cos mercados, poñer en marcha un plan de mantemento para que os pequenos detalles dos que se debe ocupar o Concello non sigan véndose desatendidos, e que se faga coa participación da xente”.

Máis tarde, mantivemos unha xuntanza na nosa sede electoral con representantes da Xunta Directiva dos comerciantes do Centro Comercial Aberto, na que Luís Villares explicou o traballo que En Marea vén realizando no Parlamento Galego na procura de protección do pequeno comercio fronte ás agresivas políticas neoliberais que representa a liberalización das prácticas das grandes superficies. Un proteccionismo que se define en tres claves: a social, a laboral e a ambiental.
Valorouse que o pequeno comercio é o tecido produtivo que máis emprego e de máis calidade crea, e defendeuse o comercio de proximidade.

Durante a xuntanza, quedou plasmada a preocupación, que Marea de Ferrol comparte, sobre a necesidade de recuperar a cidade planificadamente tendo en conta sectores como o do pequeno comercio. Defendeuse, nese sentido, que se está a favor dunha peanolización do centro feita coa participación de todos os sectores afectados, o que nos últimos anos de goberno municipal non foi posible, sentíndose vetados e coa porta pechada ao diálogo e á exposición das propostas e necesidades do sector.

Unha vez máis constatamos a desidia e a falta de diálogo coa cidadanía imperante nos últimos mandatos municipais, en contraposición á participación cidadá que constitúe un dos eixos fundamentais das propostas programáticas de Marea de Ferrol.