MAREA DE FERROL REÚNESE CO ASOCIACIONISMO DEPORTIVO E VISITA O MERCADO DE RECIMIL

Onte, martes 21 de maio, Marea de Ferrol mantivo un encontro co movemento asociativo deportivo, nas insatalacións do Club Ría de Ferrol.

Na liña das xuntanzas que levamos mantendo nestas últimas semanas con diferentes movementos asociativos, tanto territoriais como sectoriais, escoitamos as demandas que se fan desde o eido do deporte, entre as que se atopan os problemas que se atopan á hora de xestionar as subvencións municipais, unha cuestión que preocupa a todas as asociacións coas que vimos falando. Ademáis, recollimos a necesidade de renovar os convenios suscritos co Concello, que a área de deporte conte cun orzamento propio, tanto para mantemento como para investimento, e unha maior asignación de persoal, que a día de hoxe considérase totalmente insuficiente.

Desde Marea de Ferrol valoramos que moitos dos problemas nacen da situación vivida no último mandato, no que un goberno moi feble xestionou durante anos uns presupostos de dereitas prorrogados, sen partidas suficientes para deportes.
Ademais, volvimos facer a proposta de constituír unha mesa de traballo organizada polo concello, axeitadamente dinamizada (convocatorias, actas, conclusións…), para elaborar participadamente unha planificación a medio prazo realizada a partir de diagnósticos e obxectivos concretos.

VISITA AO MERCADO DE RECIMIL

Máis tarde, visitamos o mercado de Recimil, onde puidemos constatar o deplorable estado e o abandono no que se atopa. Desde Marea de Ferrol seguimos a defender a realización dun Plan de Mantemento dos equipamentos municipais, programando técnica e financeiramente as intervencións necesarias.