QUEN SOMOS?

Somos un variado grupo de persoas provenientes de distintos ámbitos sociais e políticos, que levamos desde xuño de 2017 xuntándonos, debatendo e reflexionando sobre a situación política, económica e social en Ferrol. No 2018 decidimos constituírnos como partido político de ámbito local co nome de Marea de Ferrol.

Nacemos recoñecéndonos herdeiras do Nunca Máis, o 15M, AGE , as Mareas…, coa necesidade de continuar e mellorar esas experiencias.

O que nos move e compromete é contribuír a un cambio facendo política municipal. Queremos facer posible o cambio en Ferrol.

Sabemos que a nosa percepción da realidade de Ferrol é compartida por moitas persoas:

  • As cousas non marchan dende hai tempo, a vida das persoas faise cada vez máis difícil, hai situacións desesperadas e a cidade degrádase.
  • A xestión política, independentemente de que aportara algunha solución concreta, non foi quen de reverter esta situación.

Sabemos que no noso concello hai moitas persoas desilusionadas co devir político dos últimos anos… Así que damos este paso para recuperar a confianza en nós mesmas, en que se poden mellorar as cousas actuando colectivamente, e traballando con honestidade e compromiso.

Agora formamos parte dun proceso que quere ocupar un espazo político que non está ocupado por ninguén.

Traballamos para crear un espazo político inclusivo que non sexa unha coalición de partidos, senón un espazo de e para as persoas.

Nese proceso coincidimos e intercambiamos análises, opinións, sentires, preocupacións… xentes que traballamos en distintos ámbitos: pola recuperación dos bens públicos, que están ou estiveron en distintas experiencias políticas, que participan en movementos feministas, veciñais, asociativos, etc.

Este proxecto político está aberto á participación de todas as veciñas e veciños de Ferrol. Convidámoste a participar e axudarnos a mellorar a situación e a vida das persoas na nosa cidade.