REGULAMENTO DE PRIMARIAS

1. OBXECTO

O presente Regulamento ten por obxecto regular o proceso de elección, a través de primarias, da candidatura da Marea de Ferrol ás eleccións municipais de maio de 2019.

2. XESTIÓN DO PROCESO

A dirección do proceso electoral e todas as cuestións relacionadas con el correspóndenlle á Asemblea de Marea de Ferrol, que delegará o seu desenvolvemento nunha Comisión Electoral, creada especificamente para este cometido.

A Comisión electoral estará composta por tres persoas que serán nomeadas pola Asemblea de Marea de Ferrol. Non poderán formar parte da Comisión Electoral aquelas persoas que participen como candidatas no proceso de primarias.

3. FUNCIÓNS DA COMISIÓN ELECTORAL

  1. Velar polo cumprimento do calendario electoral e das normas presentes neste regulamento.
  2. Garantir a todas as persoas aspirantes un acceso equitativo ás posibilidades de divulgación das candidaturas polos medios que se decidan.
  3. Interpretar este regulamento en relación ás posíbeis queixas, denuncias e irregularidades que se poidan dar durante o proceso de primarias, así como resolver aquelas cuestións que non estivesen reflectidas no presente regulamento.
  4. Realizar o sorteo para a composición da mesa ou mesas electorais.
  5. Comunicar o resultado das eleccións primarias una vez as mesas electorais teñan finalizado o reconto.
  6. A Asemblea de Marea de Ferrol, a proposta da Comisión Electoral, terá a capacidade de revogar ás persoas aspirantes que non cumpran o presente regulamento das primarias.
  7. Todos os acordos da Comisión Electoral poderán ser impugnados perante a Asemblea de Marea de Ferrol.
  8. As súas actas serán públicas e divulgaranse polos medios habituais de comunicación de Marea de Ferrol.

4. CENSO ELECTORAL

Poderán votar nas eleccións primarias de Marea de Ferrol aquelas persoas maiores de 18 anos que sexan residentes en Ferrol ou teñan intereses no concello (traballar, estudar ou desenvolver a súa actividade no concello) e que estean inscritos no censo de Marea de Ferrol.

Para poder votar será preciso identificarse co documento de identidade, carné de conducir, tarxeta de identificación de estranxeiro ou pasaporte.

Marea de Ferrol obrígase a manter a condición de segredo do voto e ao cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e asemade o Novo Regulamento Europeo de Protección de Datos (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016.

5. CALENDARIO ELECTORAL

O calendario das Primarias da Marea de Ferrol para a convocatoria de maio do 2019 será o que segue:

  1. Aprobación do Calendario de Primarias: 25 de xaneiro de 2019
  2. Elección da Comisión Electoral: 2 de febreiro
  3. Convocatoria de Primarias: 16 de febreiro
  4. Peche do prazo para a inscrición no censo das primarias: 15 de febreiro
  5. Prazo para presentación de candidaturas: Do 16 ao 17 de febreiro ambos incluídos.
  6. Proclamación provisional de candidaturas: 18 de febreiro
  7. Prazo para a subsanación de erros: 19 de febreiro
  8. Proclamación definitiva de candidaturas: 20 de febreiro
  9. Campaña electoral: Do 21 ao 23 de febreiro, ambos incluídos
  10. Xornada de votación: Domingo, 24 de febreiro
  11. Proclamación provisional de candidaturas: 25 de febreiro
  12. Prazo de alegacións: 26 e 27 de febreiro
  13. Proclamación definitiva de candidaturas: 28 de febreiro
  14. Presentación da candidatura: 1 de marzo

6. REQUISITOS DAS PERSOAS CANDIDATAS

Será elixible calquera persoa que cumpra cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral e cumpra ademais os seguintes requisitos imprescindíbeis:

a) Ter asinado o Manifesto da Marea de Ferrol, como compromiso de cumprimento dos seus obxectivos políticos.

b) Manifestar por escrito un compromiso de cumprimento do Código Ético da Marea de Ferrol.

c) Declarar por escrito, de ser o caso, que cargos ocupa en organizacións políticas ou sindicais e comprometerse a abandonalos no case de resultar elixida.

d) Estar en posesión dos avais que estabelece o presente Regulamento.

e) Declaración xurada de non estar incurso en todas e cada unha das causas de exclusión.

f) Comprometerse co cumprimento do programa electoral elaborado pola Marea de Ferrol.

g) Se o número de persoas aspirantes non completa un mínimo das 28 precisas para conformar a candidatura municipal, escolleranse o resto dos postos necesarios até alcanzar esa cifra entre as persoas integrantes de Marea de Ferrol.

h) En prol da igualdade entre os candidatos ás primarias de Marea de Ferrol desde o momento en que se presente a candidatura e até a celebración das primarias, as persoas candidatas non poderán participar como voceiras de Marea de Ferrol ou doutra Organización Política ou sindical en actos públicos.

7. CRITERIOS DE EXCLUSIÓN

  1. Non posuirán a condición de elixíbeis as persoas que se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Formar parte de candidaturas distintas á da Marea de Ferrol que concorran ás eleccións municipais do mes de maio de 2019.

b) Estar investigada por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.

c) Estar en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia,violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.

d) Non ter entregado en tempo e forma a documentación esixida.

  1. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito. A concorrencia dalgunha destas causas de exclusión ao longo do proceso determinará a anulación da candidatura.

8. AVAIS

  1. Terán a condición de avalistas as persoas incluídas no censo de Marea de Ferrol dentro do prazo de inscrición no censo para as devanditas primarias.
  2. Cada avalista poderá avalar a unha persoa para a cabeza da lista e a outras dez para o resto da candidatura, e nunca poderá avalarse a si mesmo/a.
  3. Os avais deberán ser formalizados empregando o formulario oficial, que proporcionará a Comisión electoral, e entregaranse acompañados dunha fotocopia do DNI da persoa avalista.
  4. Correspóndelle á Comisión Electoral a potestade de validar os avais entregados en tempo e forma e segundo se estabelece no presente Regulamento.
  5. No caso de que a Comisión Electoral detecte que unha mesma persoa avala máis dunha persoa para a cabeza de lista e/ou máis de dez persoas para calquera outro posto, comunicarallo ao mesmo tempo que se fai pública a relación de candidaturas. A persoa avalista deberá subsanar o erro antes da proclamación definitiva.
  6. Para presentarse a cabeza de lista, a persoa aspirante precisa de 10 avais. Para concorrer a calquera outro posto da lista, a persoa aspirante precisa de 3 avais.
  7. Os avais, así como toda a documentación entregada polas persoas candidatas, serán custodiados pola Comisión Electoral, que garantirá o seu anonimato.
  8. A Marea de Ferrol a través do Órgano da Comisión Electoral, garantirá un trato igualitario na difusión de todas as candidaturas e a igualdade de oportunidades en todo o proceso.
  9. A Marea de Ferrol garantirá o respecto á intimidade da persoa candidata, difundindo só os datos que desexe publicar e os meramente obrigatorios.
  10. A Marea de Ferrol porá a disposición da persoa candidata os respectivos formularios para a presentación de avais.
  11. Toda persoa que presente a súa candidatura para encabezar a candidatura de Marea de Ferrol quedará automaticamente inscrita como candidata para formar parte do resto da lista a non ser que manifeste expresamente o seu desexo de non concorrer no resto da lista.

9. CAMPAÑA ELECTORAL

  1. As persoas candidatas poderán dispor de 3 días para explicar as súas formulacións e pedir o voto no proceso de primarias.
  2. A comisión electoral, garantirá en todo caso, un espazo nos medios de comunicación de Marea de Ferrol para cada unha das persoas aspirantes. A distribución destes espazos será en réxime de absoluta igualdade para cada persoa e en orde aleatoria.
  3. Cada unha das persoas aspirantes estará representada por unha fotografía, un breve texto descritivo do seu perfil non superior aos 140 caracteres e un texto maior de 500 caracteres onde poderá expresar a súa visión persoal e por que cre que debe ser merecedora do voto no proceso de primarias.
  4. Na medida das posibilidades de organización a Comisión electoral facilitará debates públicos entre as persoas candidatas en espazos accesibles. Todas as persoas candidatas terán dereito a realizar un debate público.
  5. Ningunha persoa candidata poderá promover unha campaña paralela, con medios diferentes aos dispostos por Marea de Ferrol en igualdade para o conxunto das persoas candidatas. Expresamente quedan prohibidos os orzamentos particulares das persoas candidatas para divulgar ou promover a súa candidatura. En ningún caso se permitirá o o uso de material propagandístico nin a publicidade pagada.
  6. As persoas candidatas comprométense a levar adiante unha campaña que se rexa polos principios de xenerosidade, lealdade, confianza, colaboración e transparencia.

10. VOTACIÓN

A comisión electoral será a encargada da convocatoria da xornada electoral. A votación realizarase en urna desenvolvéndose ao longo do día 24 de febreiro de 2019 no local que a comisión electoral decida establecer. As urnas abrirán ás 10.00 h e pecharán ás 18.00 h. Na mesa ou mesas electorais haberá un mínimo de tres persoas que escollerá a Comisión Electoral, que terán a función mínima de presidencia, secretaría e vogalía, respectivamente. Poderán formar parte das mesas electorais todas as persoas que llo soliciten anticipadamente á Comisión electoral e non figuren na listaxe de persoas aspirantes. O local da votación será público e poderán permanecer neles calquera persoa interesada en ser observadora do proceso, coa única condición de non entorpecer a xornada, nin tentar influír no sentido do voto.

O dereito de segredo ao voto estará garantido polos medios loxísticos precisos. Os membros da mesa realizarán o escrutinio, que tamén será público para todas as persoas presentes no momento de pechar a votación.

11. SISTEMA DE VOTACIÓN

Haberá dúas papeletas diferenciadas para dous tipos de eleccións; unha papeleta para a elección da cabeza de lista e outra papeleta para a elección do resto da lista.

  1. Elección da cabeza de lista

Nesta papeleta figurarán os nomes das persoas que se candidaten para encabezar a lista, ordenados alfabeticamente e comezando pola letra que se determine por sorteo. Nas papeletas de votación presentarase ao carón do nome e apelidos de cada persoa unha caixa ónde poder seleccionar cada nome.

Nesta votación cada elector deberá elixir un único nome.

As papeletas de votación incluirán os nomes e apelidos das persoas candidatas ordenados alfabeticamente e comezando pola letra que se determine por sorteo. Nas papeletas de votación presentarase ao carón do nome e apelidos de cada persoa unha caixa ónde poder seleccionar cada nome.

No caso de existir unha soa candidatura a cabeza de lista, só se permitirán dúas opcións: votar o/a candidato/a ou votar en branco.

  1. Elección do resto da lista

Nesta papeleta figurarán os nomes de todas as persoas que opten a un posto na candidatura diferente ao de cabeza da lista.

Nesta votación cada elector deberá elixir até un máximo de 8 aspirantes.

As papeletas de votación incluirán os nomes e apelidos de todas as persoas candidatas ordenados alfabeticamente e comezando pola letra que se determine por sorteo. Nas papeletas de votación presentarase ao carón do nome e apelidos de cada persoa unha caixa ónde poder seleccionar cada nome.

12. ESCRUTINIO

a) Unha vez rematadas as votacións, a persoa que presida cada mesa electoral procederá á apertura de urnas e ao reconto das papeletas co apoio dos membros da mesa.

b) En primeiro lugar recontaranse os votos do grupo de persoas candidatas para encabezar a lista ordenándoas de maior a menor.

c) En segundo lugar realizarase o reconto da puntuación obtida polas persoas aspirantes a conformar o resto da lista e ordenaranse de maior a menor.

d) Rematado o escrutinio, a Mesa electoral comunicaralle, por medio dunha acta, os resultados á Comisión electoral que será a encargada de realizar o escrutinio que dará como resultado a proclamación provisional da cabeza e da lista elixida.

13. CONFECCIÓN DA CANDIDATURA

Inmediatamente finalizado e publicado o resultado do escrutinio, a comisión electoral confeccionará a candidatura segundo os seguintes criterios:

  1. Candidatura á cabeza de lista

Será proclamada como cabeza de lista a persoa máis votada, sempre que supere o 40 por cento dos votos emitidos. De non ser así, haberá unha segunda volta entre as dúas persoas máis votadas unha semana despois.

  1. Postos a partir do número dous.

a) Determinará a orde o número de votos recibidos por cada persoa, de maior a menor e até completar o total de postos a cubrir.

b) A continuación aplicarase o criterio corrector para promover o equilibrio de representación por xénero. Establécese que os primeiros 5 postos da lista seguirán un sistema de cremalleira puro e para o resto da lista manterase a proporción 60-40 por tramos de 5 tal e como establece a lexislación vixente.

c) Se despois da aplicación do criterio anterior se producira algún empate, de ser este entre un home e unha muller, elixirase a muller. No caso de seren do mesmo xénero, solventarase segundo a orde alfabética na que ían na papeleta.

14. REVOGACIÓN DAS PERSOAS ELIXIDAS

  1. No caso de detectarse algún tipo de irregularidade legal ou incompatibilidade co código ético de Marea de Ferrol por parte dalgunha das persoas elixidas estas poderán ser revogadas segundo o procedemento descrito a continuación, compatible e complementario ao Código Ético de Marea de Ferrol

a) A comisión electoral poderá actuar de oficio se detecta algunha das irregularidades anteriormente descritas e promoverá á Asemblea de Marea Ferrol a revogación de calquera persoa membro da candidatura.

b) Calquera persoa que participara no proceso de primarias poderá facer chegar un escrito revogatorio á comisión electoral para que o estude e no seu caso o teña en consideración.

c) A comisión electoral fará chegar á persoa revogada un comunicado no que se lle informe do inicio do proceso revogatorio.

d) A persoa revogada terá un prazo de 48h para respostar e exercer defensa, no seu caso, fronte a súa revogación.

e) Pasado ese prazo de 48h a Comisión electoral levará á Asemblea de Marea de Ferrol o recurso revogatorio.

2. No caso de que algunha das persoas que integran a candidatura sexa finalmente revogada a lista correrá e completarase segundo os criterios xerais establecidos no punto 13 deste regulamento.